15 may. 2014

Ficha e Lectio - Domingo 5 Pascua A





LECTIO:


O evanxeo de hoxe forma parte do discurso de despedida de Xesús aos seus discípulos. As preguntas de Tomé e de Felipe reflicten, no fondo, a preocupación dos discípulos polo seu futuro, unha vez que Xesús se vaia ao Pai. Preocupación pola Igrexa postpascual.

Señor, non sabemos onde vas. Como podemos saber o camiño?”, é a pregunta de Tomé. Xesús respóndelle: “Eu son o Camiño, e a Verdade, e a Vida. Ninguén vai ao Pai senón por min. Se me coñecésedes a min, coñeceriades tamén ao Pai?”. Xesús é o Fillo de Deus, quen nos revela o rostro do Pai. Xesús é o camiño para ir ao Pai; pero é, tamén, a verdade e a vida, a meta, Deus mesmo.

Ser cristián é, primeiro de nada, crerlle a Cristo. Ter a sorte de atoparnos con el. O verdadeiramente decisivo na experiencia cristiá é o encontro con Cristo. Ir descubrindo por experiencia persoal, sen que ninguén nolo teña que dicir desde fóra, toda a forza, a luz, a alegría, a vida que podemos ir recibindo de Cristo. Poder dicir desde a propia experiencia que Xesús é "camiño, verdade e vida".

Descubrilo como camiño. Escoitar nel a invitación a andar, a cambiar, avanzar sempre, non establecernos nunca, renovarnos constantemente, sacudirnos de preguizas e seguridades, crecer como persoas, profundar na vida, construír sempre, facer historia máis evanxélica. Apoiarnos en Cristo para andar día a día o camiño, unhas veces gozoso outras doloroso, da fe.

Atopar en Cristo a verdade. Descubrir desde el a Deus na raíz e no termo do amor que os homes damos e acollemos. Darnos conta, por fin, que a persoa só é persoa no amor. Descubrir que a única verdade é o amor. E descubrilo achegándonos á persoa concreta que sofre e é esquecida.

Atopar en Cristo a vida. En realidade, os homes cremos a aquel que nos dá vida. Ser cristián non é admirar a un líder nin formular unha confesión sobre Cristo. É atoparse cun Cristo vivo e capaz de facernos vivir.

Pero, polo visto, a cousa non quedaba clara, e outro evanxelista, Felipe pregunta: “Señor, móstranos ao Pai e bástanos”. Sorpréndelle a Xesús que un discípulo, despois de tanto tempo de convivencia, aínda non lle coñeza, e contéstalle: “Quen me viu a min, viu ao Pai. Eu estou en Pai e o Pai en min”.

Xesús é o lugar natural de Deus onde o home de hoxe e de todos os tempos debe buscar a Deus, ao Pai.



No hay comentarios:

Publicar un comentario