Ficha e Lectio - Ascensión do Señor ciclo B



FICHA ADAPTADA DE:



LECTIO:

ASCENSIÓN DO SEÑOR 
(17 maio 2015)

            Esta festa luminosa da Ascensión abrangue mensaxes e ideas grandes e sublimes. Porque nela, neste Cristo do que se nos di que “ascende” ó ceo, veñen xuntarse dalgunha maneira o ceo e maila terra. Ceo e terra entendidos naturalmente de maneira simbólica, en tanto que coa terra asociamos o imperfecto mentres que, pola contra, co ceo o que non remata, o totalmente bo.
            Non se trata, con todo, de dúas realidades, o ceo e maila terra, totalmente diferentes ou opostas. Pois, por unha parte, en Deus Pai atópase a síntese e a razón de ser de ámbalas dúas; porque el, “o Pai omnipotente”, tal como confesamos no Credo, é o “Creador do ceo e máis da terra”. E, por outra parte, no seu Fillo Xesús encarnado, a terra e a humanidade toda están e estarán sempre presentes por toda unha eternidade. Porque el, Xesús, é e será sempre un de nós, por máis que sexa tamén e será para sempre o Fillo único e benquerido de Deus.
            Xesús “ascende”, pois, na festividade que estamos a celebrar, a un novo e definitivo nivel. Amósanos así cal é tamén o noso “camiño”. Xa dixera el de si mesmo que non só é a Verdade e a Vida, senón tamén o “Camiño”. Un camiño, polo tanto, que todos estamos chamados a percorrer. Nunha peregrinaxe na que non nos fallarán as forzas do seu Espírito, do Espírito Santo que Xesús mesmo nos promete hoxe: “Recibiredes a forza do Espírito Santo, que virá sobre vós”.
            Trátase dunha peregrinaxe, dunha “ascensión”, a de cada un de nós, que non a facemos polo tanto en solitario. Ben sabemos que unha peregrinaxe ou calquera viaxe se fan máis doadamente cando se vai con outros que o acompañan a un, que dan azos ou que fornecen axuda cando se precisa. El vai connosco. E non de calquera maneira. Vai sempre diante, facendo o meirande esforzo e abríndonos o camiño.
            En realidade todos formamos unha unidade con el. Segundo Paulo, na súa carta de hoxe ós Efesios, os cristiáns formamos con Xesús Cristo un só corpo, sendo el a “cabeza” deste corpo. Deus Pai −dinos Paulo− é quen someteu todo a Xesús e quen “o puxo por riba de todo como cabeza da Igrexa, que é o seu corpo”. Nós somos, polo tanto, membros deste corpo misterioso, que ten ó propio Xesús como “cabeza” que dirixe, estimula e coida de tódolos membros do seu corpo místico, que somos todos nós.
            Pero pensemos unha vez máis. A este Xesús Cristo que ascende ó ceo están unidos tódolos homes e mulleres do mundo, do tempo pasado, do presente e do porvir, sexan da ideoloxía ou crenza que sexan. Todos están, estamos, chamados e convidados a este esforzo común con el cara a unha meta grandiosa e fermosa, que ninguén no fondo pode deixar de apetecer. Porque ¿quen non quere vivir?, ¿quen non busca a verdade?, ¿quen non quere acertar co camiño que leva á felicidade?
            Pois ben, quen queira que teña estes desexos (e todos os temos dunha ou doutra maneira, en maior ou menor grao) debería saber que Xesús está con el, que el está con Xesús. Non podemos converter a Xesús en alguén que está só reservado para certas persoas, que fagan certas cousas, realicen certos ritos ou cumpran con determinados preceptos concretos. Xesús esta aí para todos, para toda a humanidade. Pois El non é nin máis nin menos que a imaxe fiel e perfecta para todos do Deus que é Pai de todos.
            Por iso Paulo, na súa carta de hoxe, ó falarnos de que a Igrexa é o corpo de Cristo e sabendo que Cristo é a imaxe viva do Pai de todos, non deixa de dicir sobre a Igrexa (e non só sobre Cristo) que a Igrexa é “a plenitude daquel que o enche todo en tódalas cousas”. Por iso a Igrexa non pode deixar de se entender a si mesma como “católica”, é dicir, como “universal”.
            Isto pode relacionarse tamén co mandado que, segundo o evanxeo de hoxe, lles fai Xesús ós seus apóstolos: “Ide polo  mundo enteiro e anunciade a Boa Nova a toda a creación”. A anunciar esta Boa Nova, esta gran noticia, estamos chamados non só os que recibimos o encargo de facer isto presidindo as eucaristías dominicais, senón todos e cada un dos cristiáns na súa vida familiar, comunitaria e social, dando así testemuño da nosa fe e sobre todo do noso amor a todos. Así o entendeu, por exemplo, o fundador dos chamados Misioneiros e Misioneiras Identes, un Instituto Relixioso fundado polo madrileño Fernando Rielo, que morreu hai poucos anos (no 2004), ó lles pór o nome de “Identes” (non “Videntes”) ós membros do seu Instituto. “Identes” procede deste mandado de Xesús: “Ide polo mundo enteiro e anunciade a Boa Nova a toda a creación...”.
            Decatádevos de que aquí se fala de toda a “creación” e non só da “humanidade”. A Boa Nova de Xesús ten que estenderse a toda a natureza: animais, árbores, plantas, paisaxe, etc. Temos que respectar e coidar da fermosura desta “creación” de Deus, que con frecuencia convertemos case en lixo polos intereses sen límites das industrias ou polo noso individual desleixo. Unha tarefa importante sobre todo para nós os galegos, que recibimos de Deus esta terra tan fermosa que tantos de fóra de aquí nos envexan. Porque a terra, o mar e o aire son terra, mar e aire tamén de Xesús, que viviu con nós e que seguirá a ser para sempre un de nós. Se os desfiguramos, estragamos tamén e enturbamos a imaxe e a mensaxe de Xesús. Este respecto e coidado de toda a creación inclúe tamén naturalmente esa creación cultural específica dos galegos, que é a nosa lingua, a lingua propia de Galicia, que hoxe estamos tamén a celebrar neste 17 de maio, “Día das Letras Galegas”.
            Para rematar xa. Coa Ascensión de Xesús, que vén sendo o cumio da súa Resurrección, estamos todos chamados tamén a agradecer a grandeza de Deus Pai e dos seus plans sobre nós. Paulo fálanos hoxe de que deberiamos abrir os ollos para intentar comprender “o vigor da potencia e da forza” de Deus Pai en relación con nós.
            Como se nos amosa este “vigor”? Paulo explícanolo dicindo que Deus Pai exerceu o seu vigor e a súa forza “resucitando a Cristo de entre os mortos e sentándoo á súa dereita nos ceos, por riba de todo principado e potestade, de toda virtude e dominación, e por riba de todo título de honra recoñecido neste mundo e tamén no vindeiro”.
            Como toda Eucaristía é agradecemento, hoxe debería selo de maneira especial á vista destes grandes plans que ten Deus sobre nós en Xesús Cristo.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS
Deus, noso Pai, a Ti, que nos mandaches o teu fillo Xesús como “o camiño, a verdade e a vida”, dirixímosche a nosas oracións, por medio do teu Fillo Xesús e na forza do Espírito Santo, dicindo: Escóitanos, Pai. 
TODOS: ESCÓITANOS, PAI.
- Apréndenos, Pai, a vermos en Xesús, que ascende ós cos, o camiño que a través da nosa vida nos leva cara a Ti. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axúdanos, Pai, a vermos a humanidade toda como destinada a se superar cada vez máis a si mesma nun ascenso continuo cara arriba, cara un comportamento individual e social cada vez máis cristián. Todos: ESCÓITANOS, PAI.
- Axuda, Pai, a todas as persoas e países do mundo para que poidan superar a súa situación de prostración social, económica e espiritual, non querida por Ti. 
Todos: ESCÓITANOS, PAI.
            Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo, Fillo teu e irmán noso, que hoxe ascende ós ceos. 

TODOS: AMÉN.

                                                                                              

Manuel Cabada Castro

Comentarios

Publicacións populares