Domingo 24 de Ordinario A


PRIMEIRA Eclo 27, 33 - 28, 9
Perdoa ó próximo que che fai dano e concederáseche o perdón que pides
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NO LIBRO DO ECLESIÁSTICO

30Xenreira e asañamento son de aborrecer;
o pecador é quen os posúe.
28 1Quen fai vinganza atoparase coa vinganza do Señor,
pediralle razón estreita dos seus pecados.
2Perdóalle a inxuria ó teu próximo
e entón ó pregares seranche perdoados os teus pecados.
3Home que lle garda a outro xenreira,
¿como lle vai pedir ó Señor que o cure?
4De alguén que é coma el non se apiada,
¿e vai rogar polos seus pecados?
5Se el, que é carne, mantén a ira,
¿quen lle vai expia-las súas culpas?
6Pensa na fin e deixa de asañarte,
recorda a corrupción e a morte e cumpre os mandamentos.
7Lembra os mandamentos e non rifes co próximo,
recorda a alianza co Altísimo e non deas valor á falta.
8Tente lonxe das rifas e minguara-los pecados
pois é o home iracundo quen acende as liortas
9e o home pecadento quen perturba ós amigos
metendo a disputa entre os que se levan ben.


SALMO RESPONSRIAL Sal 102, 1-2. 3-4. 9-10. 11-12
R/ (9): O Señor é misericordioso e clemente,
tardo á ira e rico en mercedes.

Alma miña, bendice ó Señor
e todo o meu ser, o seu santo nome.
2Alma miña, bendice ó Señor,
non esquéza-los seus beneficios.

3El perdoa as túas culpas
e sanda as túas doenzas;
4rescata a túa vida da morte
e coróate de amor e de tenrura;

 9Non contende por moito tempo
nin se anoxa para sempre.
10Non nos trata conforme ós nosos erros
nin nos paga conforme ás nosas culpas.

 11Canto se alza o ceo sobre a terra,
así é grande o seu amor para os que o temen;
12canto dista o nacente do poñente,
así arreda de nós as nosas culpas;



SEGUNDA Rm 14, 7-9
Vivamos ou morramos, somos do Señor
PROCLAMACIÓN DA PALABRA RECOLLIDA NA CARTA DE SAN PAULO APÓSTOLO ÓS ROMANOS

Irmáns e irmás:

7Ningún de nós vive para si, e ningún de nós morre para si. 8Se vivimos, para o Señor vivimos; e, se morremos, para o Señor morremos; así que, vivamos ou morramos, somos do Señor. 9Por iso mesmo morreu e resucitou Cristo: para ser dono dos mortos e dos vivos.

 

ALELUIA Xn 13, 34:
Douvos un mandamento novo, di o Señor;
que vos amedes uns a outros como eu vos amei.



EVANXEO Mt 18, 21-35
Non che digo que perdoes ata sete veces senón ata setenta veces sete
PROCLAMACIÓN DO SANTO EVANXEO SEGUNDO MATEO

21Pedro, achegándose a Xesús, preguntoulle:
-Señor, ¿cantas veces terei que perdoar a meu irmán se me segue ofendendo? ¿Ata sete veces?

22Respondeulle Xesús:
-Non che digo ata sete veces, senón ata setenta e sete.

23Por iso, o Reino dos Ceos é semellante a un rei que quixo face-las contas cos seus servidores. 24Cando empezaba, presentóuselle un que lle debía varios millóns. 25E como non tiña con que pagar, o señor ordenou que o vendesen a el con muller, fillos e canto tiña, para que así lle pagase.

26O servidor botóuselle ós pés e suplicáballe:
-¡Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todiño!

27O señor tivo dó daquel home e deixouno marchar, perdoándolle toda a súa débeda.

28Pero, ó saír, o servidor aquel atopouse cun compañeiro que lle debía unha insignificancia e, agarrándoo pola gorxa, esganábao dicíndolle:
-Paga o que me debes.

29Botándose ós seus pés, o compañeiro suplicáballe:
-Ten paciencia comigo, que cho hei pagar todo.

30Pero non lle fixo caso e, aínda para máis, mandouno meter na cadea ata que lle pagase a débeda.

31Os compañeiros, ó veren tal cousa, moi apesarados, fóronlle contar ó seu señor todo o que pasara. 32Entón o señor mandouno chamar e díxolle:
-¡Servidor malvado! Eu perdoeiche toda aquela débeda, porque mo pediches. 33¿E logo non debías ti tamén compadecerte do teu compañeiro, como eu me compadecín de ti?

34E todo anoxado, o señor entregouno ós verdugos ata que lle pagase toda a débeda.

35Así tamén fará convosco meu Pai celestial, se non perdoades de corazón cada un a seu irmán.



ENTRADA: 
LECTURAS: 
Douvos un mandato novo 
OFERTORIO: 
COMUÑÓN: 






Comentarios

Publicacións populares