Ficha e Lectio - Domingo 31 de Ordinario A

Fichas anteriores:



LECTIO:

DOMINGO XXXI T. O.
(5 de novembro de 2017)

Xesús continúa a nos amosar hoxe a súa divindade humanizada. Lembrádevos do que comentabamos no anterior domingo. Xesús reducía a só dous mandamentos as numerosas leis e mandatos do Antigo Testamento. Se amamos a Deus con todo o noso corazón e o próximo como a nós mesmos, énos abondo. Non precisamos polo tanto estritamente de máis cousas para sermos verdadeiramente cristiáns. Tódolos demais preceptos ou prescricións só teñen valor en canto nos axudan a medrarmos no cumprimento destes dous grandes mandatos.
Pois ben, a verdadeira razón de que isto sexa así está directamente en relación coa mensaxe fundamental de Xesús. E perdoádeme que estea a piques de me converter  pouco a pouco nun verdadeiro pesado ó vos repetir unha e outra vez a mesma idea. A razón, digo, deste modo humano e comprensivo de entender Xesús a nosa relación con Deus e cos demais está en que a súa mensaxe é fundamentalmente a de que temos un Pai amoroso, que é Deus, e de que en consecuencia somos todos irmáns.
A mensaxe de Xesús é, pois, unha verdadeira bomba democratizadora nas relacións entre as persoas humanas. Xesús quere conducirnos nas nosas mutuas relacións a unha concepción e a unhas prácticas moi semellantes ó que ocorre, ou polo menos debería ocorrer, nunha familia. Pai e nai, é dicir, marido e esposa, quérense mutuamente. Entre eles hai igualdade e diferenza. Algo semellante ó que ocorre, de maneira sublime, no seo mesmo de Deus, da súa Santísima Trindade. En Deus, o Pai, o Fillo e o Espírito Santo son diferentes e con todo iguais na súa única divindade.
Volvendo ó que ocorre ou debería ocorrer nunha familia. Dos pais, iguais e diferentes, nacen ou proceden outros seres humanos, os fillos, que son como continuadores desa igualdade e desa diferenza existentes xa nos pais. Tamén nisto se fan os pais imitadores da relación de Deus con todos nós. Así como Deus nos converte a todos en fillos seus, chamados a sentármonos a unha mesma mesa con el, así tamén os fillos no seo dunha familia sentan nunha mesma mesa de amor, confianza e ledicia cos pais. E ben sabemos o moito que se sofre nas familias cando isto non ocorre así.
Como para Xesús isto é algo fundamental, non pode andar el con miramentos ou componendas ante un comportamento que non se corresponda con esta mensaxe súa tan básica.
Bastantes veces, dunha maneira ou doutra ó longo da historia, a sociedade en xeral e tamén a mesma igrexa deixaron de tomar verdadeiramente en serio na práctica esta fonda mensaxe de Xesús. En vez de primar sempre, e de maneira ben clara e concreta, a relación de mutua irmandade, amor e xenerosa confianza entre todos, ocupou o seu lugar non poucas veces a relación autoritaria, xerárquica, do “ordeno e mando”.
Xesús convídanos, en cambio, a nos comportar sempre mutuamente como irmáns e fillos dun mesmo Pai. Para Xesús é só Deus o que debe ser nomeado e invocado como ”mestre”, “pai” ou “guieiro”. Ningún outro na terra debería deixarse nomear ou invocar con eses nomes. “Non vos fagades chamar mestre –dinos el-, pois un só é o voso mestre e todos vós sodes irmáns. A ninguén na terra chamedes pai, porque un só é o voso Pai”, etc.
Naturalmente, o importante aquí non é o “nome” en canto tal. O que a Xesús lle preocupa é que baixo a utilización de nomes coma eses se veña destruír algo fundamental: a relación de igualdade e irmandade entre todos  en canto fillos dun mesmo Pai.
Por iso non creo esaxerado dicir que nesta mensaxe radical de Xesús ha de ter toda democracia ou igualdade que se precen a súa verdadeira medida. Mentres existan, tanto na sociedade en xeral como no seo das prácticas da igrexa mesma, relacións que non se axeiten a estas ensinanzas de Xesús, non podemos dicir que estamos ante un comportamento autenticamente cristián.
Os cristiáns, se dalgún título nos deberiamos gloriar, é –a teor do que nos di Xesús- o de sermos, non de palabra, senón de obra, verdadeiros “servidores” dos demais. Mentres non tomemos isto en serio e de maneira práctica e concreta, tampouco nos deberiamos considerar membros exemplares ou “importantes” na igrexa. Unha vez máis nolo di el: “O máis importante entre vós ha de ser servidor voso”. E “servidor” significa tamén que temos que ser comprensivos con todos, tanto a nivel material como tamén moral. A iso apunta de feito Xesús cando critica impoñer cargas ós demais que nin sequera somos nós capaces de nos impoñer a nós mesmos.
Temos que loitar no mundo de hoxe para que este espírito que podemos chamar radicalmente “democrático” habite na nosa igrexa e en todo o mundo, na sociedade e nas diversas culturas. Moitos dos movementos sociais e políticos que estamos a presenciar ou dos que podemos ter noticia na actualidade parecen camiñar nesta dirección. Non se pode permitir que os que están por enriba dos outros polo seu poder económico ou político afonden aínda máis as súas diferenzas respecto dos máis necesitados de medios materiais para seguiren a vivir con dignidade.
Nisto son tamén con frecuencia os pobres os que nos dan exemplo dese espírito de irmandade ou fraternidade do que se nos fala no evanxeo. Unha pequena anécdota. Hai xa algún tempo e por esta época outonal do ano estiven nunha das moitas pequenas parroquias desta nosa querida Galicia, onde abondan os castiñeiros. Atopeime alí cun labrego xubilado que vivía só. Díxome, en voz baixiña e sen fachendear, que pasaba moitas horas do día recollendo ourizos e castañas dos seus soutos e veigas para as levar el mesmo non para a súa casa senón para a Cáritas máis próxima, onde eran recibidas con alegría e agradecemento. O bo labrego aprendera a servir, a ser servidor dos demais.
Moito deste espírito fraternal e igualitario debería ter o apóstolo Paulo, cando lles dicía na súa carta de hoxe ós Tesalonicenses que se sentía cheo de tenrura con eles, comportándose, di el, “como unha nai que agarima os seus fillos” e “traballando, ademais, noite e día –continúa a dicir- para non ser unha carga para ningún de vós”. Este espírito “servidor” de Paulo é tamén sen dúbida o espírito de Xesús.

CREDO

ORACIÓN DOS FIEIS

Dirixímoslle a nosa oración comunitaria a Deus Pai, implorándolle que nos conceda o que lle pedimos, dicindo: Escóitanos, Pai
TODOS: Escóitanos, Pai.

- Dános, Pai, coñecemento de ti como pai noso e conciencia de mutua irmandade ou fraternidade entre tódolos seres humanos. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Axúdanos, Pai, a rexeitarmos na nosa relación cos demais calquera sombra de espírito autoritario, que se opón ó esencial talante servizal cristián. 
TODOS: Escóitanos, Pai.
- Suscita, Pai, en cantos exercen o poder político ou calquera forma de goberno unha clara conciencia da súa responsabilidade en relación co servizo ós máis necesitados. 
TODOS: Escóitanos, Pai.

Pedímoscho, Pai, por Xesús Cristo Noso Señor. AMÉN.


Manuel Cabada Castro


VER TAMÉN:
https://www.gruposdejesus.com/31-tempo-ordinario-mateu-231-12/



Comentarios

Publicacións populares